A intervención, que tivo un custo de 139.573,50 euros adxudicados á empresa Lancer Proyectos y Obras, S.A., centrouse en reforzar as zonas máis deterioradas e en repoñer unha nova capa de aglomerado nun tramo de 1.420 metros lineais, o que supón uns 10.815 metros cadrados. Antes de asfaltar, realizouse o fresado do pavimento antigo nos bordos de cada tramo e limpouse a superficie para aplicar unha imprimación que garantise a unión entre as capas.
As obras tamén incluíron o repintado da sinalización horizontal e a posta a cota de rexistros e sumidoiros, mellorando a seguridade e funcionalidade da vía, moi castigada polo paso constante de camións de gran tonelaxe e pola natureza arxilosa e pouco estable do terreo.
Esta actuación conta co cofinanciamento da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, e mellora significativamente a conexión dende Narón coa autovía AG-64, facilitando a mobilidade e a actividade económica no polígono.




