O BNG de Narón denuncia o abandono da senda do Xuvia e esixe un plan de mantemento

A formación nacionalista critica as limpezas superficiais e reclama unha actuación integral para o río Xuvia.

Imaxe xenérica dunha senda fluvial con vexetación excesiva e sinais de abandono.
IA

Imaxe xenérica dunha senda fluvial con vexetación excesiva e sinais de abandono.

O Grupo Municipal do BNG de Narón presentou unha moción para denunciar o "estado de abandono alarmante" da senda fluvial do río Xuvia, especialmente no tramo que conecta con Pedroso, e esixir un plan de mantemento integral.

A formación nacionalista critica que o executivo local limita as súas actuacións a "limpezas cosméticas e superficiais" xusto antes de eventos específicos, como a recente andaina á Romaría da Virxe da O. Para o BNG, estas intervencións puntuais demostran que o Concello "ten capacidade de actuar, pero decide non facelo de modo sostido no tempo".

"A veciñanza de Xuvia, Doso, Pedroso e as persoas usuarias da senda teñen dereito a unha infraestrutura digna sempre, non só cando hai unha andaina programada."

o grupo municipal
A moción tamén lembra que o BNG leva desde 2020 reclamando unha intervención integral. Ante a falta de resposta, a propia militancia e simpatizantes do partido organizaron xornadas de limpeza voluntaria en 2020 e 2023, onde ademais sinalizaron manualmente puntos críticos como escaleiras podres e árbores caídas para previr accidentes.
Un dos puntos clave da proposta é a necesidade de actuar sobre o leito do río. O BNG insta ao goberno de Narón a que se poña en contacto coas administracións competentes, en particular con Augas de Galicia, para coordinar unha limpeza integral do río Xuvia que retire residuos sólidos e outros obstáculos, buscando tamén o financiamento necesario para a súa conservación.