O festival celebrarase no Paseo de Xuvia, un punto da ruta xacobea, e estenderase de 11:00 a 24:00 horas. Reunirá oito propostas musicais, food trucks e un espazo de artesanía, co obxectivo de promover a participación e o goce da cultura desde a orixe, garantindo a accesibilidade.
A xornada, presentada pola alcaldesa Marián Ferreiro e concelleiras, xunto con representantes de I’TICS, incluirá interpretación en lingua de signos, mochilas vibratorias, pictogramas, espazos de calma e apoios sensoriais, cognitivos e comunicativos. O recinto será accesible para persoas con mobilidade reducida.
A música comezará ás 12:00 con Só Elas, seguida de Chungo Pastel, Fran ReiyDJ e Mas Music DJs. Pola tarde actuarán DiversidArte (17:30), Marcos Mella (19:00) e Batalha (20:30). O concerto de peche será a cargo de Nuevo Plan ás 22:30.
O cartel inclúe propostas como Chungo Pastel, grupo pop-rock vigués nado na Fundación Igual Arte, e DiversidArte, formación instrumental e vocal vinculada á plataforma do mesmo nome.
Complementarán a experiencia food trucks como ChichaLovers, Pink & Mint e La Bichota do Paparrúa, ademais dun espazo de artesanía con varios participantes. O festival conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés.




