A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua), da que forma parte o Concello de Narón a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, vén de asinar co Consello da Cultura Galega (CCG) un protocolo de colaboración para desenvolver accións conxuntas de promoción e normalización lingüística.
O acordo establece un marco de cooperación para programar actividades culturais, intercambiar proxectos e materiais, elaborar recursos didácticos e divulgativos, e realizar traballos de investigación sobre a situación do galego. Tamén prevé a colaboración con outras institucións e a creación dunha comisión de seguimento.
Entre as primeiras iniciativas figura un estudo do Observatorio da Cultura Galega sobre a oferta e demanda de produtos e servizos en galego para nenos e nenas, co obxectivo de coñecer as necesidades das familias e facilitar a súa conexión coa oferta existente.
A primeira fase deste estudo será un encontro o próximo 7 de novembro en Santiago de Compostela, coordinado desde Alingua, no que participarán familias do programa Apego. Nel, porán en común as súas experiencias sobre consumos cotiáns e de lecer en galego e analizarán a dispoñibilidade, prezo, calidade e adecuación á idade dos produtos e servizos.
Os resultados desta xornada, xunto cunha consulta en liña posterior, servirán para identificar as carencias da oferta e achegar as demandas das familias ao tecido produtor e empresarial.
Alingua constituíuse en 2019 para promover e impulsar accións que incrementen o uso do galego. O Concello de Narón participa na asociación a través do seu Servizo de Normalización Lingüística.




