O vehículo estará aparcado a carón do Centro de Saúde e permitirá doar sangue en horario de mañá, de 09:30 a 14:30, e de tarde, de 15:30 a 21:00 horas, como parte da campaña “Doa sangue, un alento de vida”.
As persoas que desexen doar deben ter entre 18 e 70 anos, boa saúde e pesar máis de 50 quilos. O proceso, que dura aproximadamente 15 minutos, inclúe unha revisión médica previa para avaliar o estado de saúde do doante, medindo o pulso, a tensión e o nivel de hemoglobina para descartar anemia.
ADOS recomenda acudir á doazón ben hidratado, preferiblemente con auga ou refrescos, e evitar facelo en xaxún. Quen doe pola mañá debe almorzar antes, mentres que quen o faga pola tarde debe esperar dúas horas despois de xantar. En calquera caso, recoméndase evitar comidas copiosas. É necesario presentar a tarxeta de doazón, o DNI ou outro documento identificativo, e informar o persoal médico sobre calquera medicación que se estea a tomar.
En Galicia, necesítanse máis de 400 doazóns diarias para cubrir as necesidades de urxencias, intervencións cirúrxicas e pacientes con cancro ou leucemia. Cada doazón xera tres compoñentes (plasma, plaquetas e glóbulos vermellos) que son vitais para o tratamento de diversas enfermidades, axudando anualmente a uns 30.000 pacientes.
Para máis información, pódese contactar co teléfono gratuíto 900 100 828 ou visitar a páxina web ados.sergas.gal.




