O goberno local de Cedeira informou do inicio das obras de saneamento na rúa Moeche, situada no casco urbano. Esta actuación, cun investimento de 88.809€, ten como obxectivo erradicar os problemas que presentaban as antigas canalizacións deste vial durante episodios de choivas intensas e avanzar na implantación da rede separativa de augas no municipio.
A obra está financiada polo Fondo de Compensación Ambiental, grazas á presenza de muíños e outras instalacións de enerxía eólica no territorio de Cedeira. Ata o momento, a rúa Moeche dispoñía dunha rede unitaria de sumidoiros que recollía tanto as augas residuais dos edificios como as pluviais, ademais de parte da recollida de augas pluviais de rúas perpendiculares.
A intervención, cun prazo de execución de dous meses, implicará a instalación dun novo sistema de saneamento con recollida separada para as augas residuais e pluviais. Conectaranse todas as baixantes de auga de choiva que ata agora vertían directamente ás beirarrúas. Tamén se procederá á reposición dos firmes e das beirarrúas.




