A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou hoxe o investimento de 91.500 euros do Goberno galego para a preservación da biodiversidade nas dunas das praias de Doniños (Ferrol), A Frouxeira (Valdoviño) e Vilarrube (Valdoviño). As actuacións céntranse en medidas antipisoteo e na regulación da presión antrópica.
Durante unha visita ao areal de Doniños, Aneiros comprobou os traballos realizados, que inclúen a instalación dunha nova ponte sobre un curso fluvial para restrinxir o paso e evitar danos ao ecosistema. Tamén se ampliou a pasarela existente para conectar coa nova ponte.
Nas praias da Frouxeira e Vilarrube, levaranse a cabo proximamente delimitacións de zonas mediante postes de madeira e un cabo de nailon. O obxectivo é regular o acceso de visitantes e animais domésticos a espazos de interese para a conservación da píllara das dunas.
Estas accións forman parte do Plan para a restauración e posta en valor de humidais galegos, que conta cun investimento de 4,65 millóns de euros ata o ano 2028.




