A Garda Civil activou un operativo de procura para localizar a un mozo que, sen mediar palabra, seccionou unha orella a un veciño de A Capela na tarde do pasado luns. O suceso tivo lugar na parroquia de Sillobre, en Fene, onde o presunto agresor, que se atopa ocupando ilegalmente unha vivenda da zona, xa protagonizara unha escalada de violencia.
Segundo testemuños recollidos polos axentes, o individuo percorreu varias zonas da parroquia brandindo unha fouce, proferindo berros e ameazas contra veciños e condutores que circulaban polo lugar.
En evidente estado de alteración, causou danos en polo menos un vehículo antes de atacar á súa vítima co obxecto cortante, seccionándolle parcialmente unha orella.
Inmediatamente despois da agresión, o mozo fuxiu do lugar sen ser localizado ata o momento. A Benemérita mantén un dispositivo de procura aberto para esclarecer os feitos e proceder á súa detención.
Pola súa banda, o home ferido foi trasladado de urxencia ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, onde foi intervido cirurxicamente.




