O rexedor de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, xunto ao seu equipo de goberno, recibiu esta mañá no Concello a Mohammed Jumeh, embaixador e delegado permanente da República do Iemen ante a UNESCO. A visita do embaixador á localidade foi aproveitada polo goberno municipal para realizarlle unha recepción oficial.
Mohammed Jumeh, que é xornalista e escritor, chegou a Baiona motivado polo Camiño de Santiago e o patrimonio histórico que o acompaña. Durante o encontro, o alcalde fixo entrega ao embaixador dun pequeno obsequio como recordo da súa visita á vila.
Tras a recepción e o percorrido polas dependencias do Concello de Baiona, o embaixador Mohammed Jumeh, que acudiu acompañado pola profesora Vanesa Lago, realizou unha visita á Carabela Pinta.




