Nunha asemblea celebrada este martes nos xulgados da cidade, o persoal do Tribunal de Instancia puxo en común os problemas derivados dunha implantación “precipitada e improvisada” dos novos tribunais no partido xudicial de Ferrol.
Entre as queixas máis destacadas, o persoal sinala a infradotación en áreas cruciais como a execución civil, a área social, os sinalamentos de xuízos penais e o servizo de notificacións. A isto engádese unha distribución física “caótica” que xera desorientación entre os profesionais e a cidadanía. Os programas informáticos son cualificados como “claramente obsoletos”, sen adaptación ás novas prazas nin ás actualizacións lexislativas necesarias. Tamén se denuncia a “supresión arbitraria do teletraballo”.
“"A pesar do esforzo do persoal, estase a producir unha perda inédita de dereitos laborais, con reparticións arbitrarias, excesos de xornada e perda de mobilidade."
As organizacións sindicais advirten de que esta situación está a provocar demoras inasumibles en sinalamentos e execucións, mesmo en materias sensibles como dereitos fundamentais, violencia de xénero, testamentos ou asuntos laborais. Consideran que esta situación vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva e afecta directamente á cidadanía.
Os sindicatos esixen unha negociación urxente para corrixir a situación, demandando a ampliación dos cadros de persoal, a dotación de medios materiais axeitados, a creación de equipos estruturais e a posta en marcha de medidas de choque con nomeamento de reforzos. De non atenderse as súas demandas, advirten que iniciarán un proceso mobilizador para dar a coñecer o problema.




