O conselleiro sinalou que esta iniciativa permite que os estudantes "aprendan facendo, formulen preguntas e busquen solucións a través da experimentación e do traballo en equipo". Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou neste encontro que reúne o profesorado participante neste programa da Xunta para intercambiar propostas didácticas e avanzar na promoción das vocacións científicas.
Román Rodríguez puxo en valor os Club de Ciencia como espazos que achegan o coñecemento científico á realidade das aulas desde unha perspectiva práctica e participativa. Incidiu tamén na importancia de fomentar as vocacións STEM (Ciencias, Matemáticas e Enxeñaría) desde as primeiras etapas educativas, xa que "espertar a curiosidade científica desde idades temperás é fundamental para que os estudantes desenvolvan o pensamento crítico, a creatividade e a capacidade de resolver problemas".
Este curso, o programa desenvólvese en 269 centros educativos galegos, dos cales 32 se incorporan por primeira vez. A iniciativa baséase nunha metodoloxía de indagación onde o profesorado formula retos que espertan a curiosidade do alumnado, quen debe resolvelos mediante a investigación e a experimentación.
A II Xornada da Rede de Clubs de Ciencia ofrece un espazo de formación e intercambio entre docentes, cun programa que inclúe conferencias como "Tu cerebro no aprende NADA, aprendes tú" por Ignacio Crespo Pita, un obradoiro sobre intelixencia artificial impartido por Florentino Fernández Cueto, e unha conferencia sobre o cambio climático en Galicia a cargo da meteoróloga María Souto Alvedro.




