O proxecto desenvolverase ata o mes de marzo con varias sesións presenciais nas que se abordarán as causas e as consecuencias das condutas vandálicas, así como as formas de previlas. A iniciativa busca implicar aos centros educativos no coidado dos bens comúns e na mellora da convivencia.
Na xornada de hoxe participaron o alcalde, Ángel Moldes, as concelleiras de Educación, Natalia Sabarís, e de Seguridade Cidadá, Maritxe González, e axentes da Policía Local de Poio. Durante o encontro, o alcalde explicou que os danos no mobiliario urbano afectan directamente ás persoas que utilizan a diario os parques, as prazas e as rúas. "Cando se estraga un xogo infantil, se dana un banco ou se esnaquiza unha luminaria, o prexuízo máis inmediato sófreno as persoas que usan ese parque, esa praza ou esa rúa", sinalou. Engadiu que as reparacións obrigan a destinar recursos municipais que poderían empregarse en mellorar eses espazos ou prestar outros moitos servizos.
O alcalde indicou que os casos de vandalismo en Poio son puntuais e que os bancos, as papeleiras, as marquesiñas e os elementos de xogo dos parques están entre os máis afectados. "Poio destina 250.000 euros anuais para reparar parques infantís", destacou. Citou exemplos como o mal uso dos columpios, o abandono de excrementos de mascotas, danos en árbores e muros, abandono de mobles en espazos públicos e a queima de colectores. A substitución dun contedor custa entre 1.200 e 1.300 euros, reparar unha farola entre 1.500 e 1.700 euros, limpar o cristal dunha marquesiña 2.000 euros e substituír un banco entre 300 e 400 euros. O asento dun columpio custa 280 euros e un inclusivo pode chegar aos 1.000 euros. A retirada de pintadas e pintura no campo de fútbol da Seca custou recentemente 1.500 euros.
O alcalde advertiu de que o vandalismo ten un custo económico para toda a veciñanza e que o uso inadecuado das instalacións tamén pode causar lesións, lembrando o caso da tirolina do parque de Rosalía de Castro, onde a rotura dunha peza causou lesións importantes a unha nena.
Axentes da Policía Local recalcaron a importancia da colaboración cidadá denunciando e informando destes casos. "Coidar da nosa contorna é beneficioso para todos", engadiron. A veciñanza pode comunicar danos a través da aplicación Liña Verde, da web municipal ou do número de whatsapp da Policía Local.
Tras estas sesións, a próxima cita será para deseñar a acción social que o grupo vai facer pola contorna, con saídas para analizar, avaliar e desenvolver a súa acción.




