A xornada, baixo o lema Novas tecnoloxías nas bibliotecas: retos, riscos e oportunidades, centrouse na intelixencia artificial (IA) e nas posibilidades que ofrecen as novas ferramentas tecnolóxicas para o traballo bibliotecario, sen esquecer a función social e humana destes servizos públicos.
A deputada provincial de Cultura, Natividad González, inaugurou o encontro, concibido como un espazo de formación e intercambio de experiencias. A programación incluíu mesas sobre a IA e as súas posibilidades, moderada por Leticia Chas, coa participación de Enrique Calvo (AESIA), David Vilares Calvo (Universidade da Coruña) e Adina Vladu (Instituto da Lingua Galega).
Tamén se abordou o potencial das redes sociais coas creadoras de contido Carlota Casal e Pardo Rúa, e a IA nas bibliotecas rurais da man de Manuel Gago. María Lema presentou o servizo eBiblio, mentres que Laura Castro Souto (Universidade da Coruña) realizou unha sesión práctica sobre ferramentas de IA xerativa.
A programación pechouse cunha mesa sobre dinamización literaria e clubs de lectura, coas escritoras Antía Yáñez e Marta Villar, quen reflexionaron sobre a importancia do factor humano e a creación de comunidade arredor dos libros.




