A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao levará a cabo melloras no contorno da praia de Cariño. Os traballos inclúen a renovación da pasarela peatonal e a limpeza da vexetación nas inmediacións dos elementos de valor arqueolóxico situados xunto ao areal. O presidente do organismo portuario, José Antonio Álvarez Vidal, asinou a adxudicación das obras á empresa Mosquera Villavidal S.L. A actuación conta cun orzamento de 81.515 euros (67.367 euros máis IVE) e un prazo de execución de dous meses.
As tarefas consistirán na retirada da actual pasarela de madeira, que presenta un notable deterioro tras 15 anos de uso e reparacións intermitentes, e a instalación dunha nova estrutura de características similares. Substituiranse 80 metros de plataforma e 145 metros de varanda para garantir a seguridade dos viandantes que transitan pola zona, paralela á praia e que chega ata os muros de peche da Batería de Cariño.
Ademais, nas proximidades da praia, dentro da zona de servizo da Autoridade Portuaria, existen varios elementos de protección arqueolóxica que se atopan cubertos por maleza. Para evitar posibles danos ao xacemento, procederase ao desbroce da vexetación e á talla dalgúns exemplares arbóreos no lado leste da Batería de Costa.




