Esta prótese biodegradable emprégase en lesións benignas complexas ou de difícil acceso, e nas que o paciente responde a unhas características concretas. Neste caso, tratábase dunha estenose benigna, un estreitamento da vía biliar, e colocouse un stent que axudou a ampliar a zona de xeito momentáneo. Posteriormente, o stent degrádase, deixando a vía aberta e sen elementos no corpo do paciente, a diferenza das próteses metálicas que se usaban maioritariamente.
A radióloga intervencionista da Área Sanitaria de Ferrol, Sara Lojo, e a responsable do Servizo de Dixestivo, Ana Echarri, destacaron a importancia da abordaxe multidisciplinar entre servizos e profesionais. "Aunamos o que sabemos por cada parte da patoloxía, a visión endoscópica e a visión fluoroscópica, atendendo ó paciente de xeito integral", sinalaron.
Este traballo colaborativo mellora a calidade de vida do paciente, xa que a vía endoscópica habitual non sería posible neste caso. Estableceuse unha vía percutánea previa por parte de radioloxía intervencionista para poder ampliar a estenose e colocar a prótese. Isto permite que o paciente deixe de depender dunha bolsa externa para a eliminación da bilis e non teña elementos alleos no seu interior, pois a prótese desaparecerá por reabsorción.
"Non é unha técnica doada e que se poda facer en calquera hospital, e ó ser combinada dálle moito valor en beneficio do paciente", subliñou Ana Echarri. Sara Lojo engadiu: "Esta intervención reflexa que se pode traballar moi ben en equipo, que é como mellor se atende ó paciente". Esta nova intervención sitúa ao complexo hospitalario no ámbito das intervencións innovadoras e multidisciplinares.




