A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou na presentación do XXIV Tríatlon Cidade de Ferrol. A proba deportiva, organizada polo Club Tríatlon Ferrol e a Federación Galega de Tríatlon co patrocinio do Concello de Ferrol, terá lugar este sábado 18 de xullo a partir das 15:30.
Esta competición, que forma parte da Liga Galega de Tríatlon, outorga puntos este ano para o Ránking Nacional de Tríatlon. Reunirá a 134 deportistas de dentro e fóra da comunidade. Ademais, acollerá o Clasificatorio Youth para o Campionato de Europa, que se celebrará en Melilla. A cita congregará a 83 talentos nacionais das categorías cadete e xuvenil, sendo clave para a selección española que representará a España no Europeo.
“"Unha cita que medra, que gaña relevancia e que segue abrindo portas para as novas xeracións."
Aneiros subliñou a importancia destes eventos, destacando que "non só teñen impacto no plano competitivo, senón tamén no plano social e territorial, axudando a crear ambiente, a atraer visitantes e a seguir consolidando unha imaxe de cidade activa, preparada e aberta a seguir medrando a través do deporte".
A delegada agradeceu o labor dos organizadores e participantes e fixo fincapé no esforzo das novas promesas que competirán no Clasificatorio Youth, a quen cualificou como "o futuro do tríatlon" e recordou "a importancia de seguir apoiando o deporte base con decisión e con compromiso".




