A Primeira División de fútbol sala estrea un novo formato de competición, dividido en dous torneos: Apertura e Clausura, co obxectivo de aumentar a emoción e a igualdade na liga. O sorteo do calendario contou coa presenza de representantes de todos os clubs, incluído o Parrulo Ferrol.
O conxunto ferrolán iniciará o torneo Apertura o 13 de setembro recibindo ao Quesos El Hidalgo Manzanares. Este primeiro torneo constará de quince xornadas, finalizando o 30 de decembro cun complicado desprazamento a Murcia para enfrontarse a ElPozo. Os dous primeiros clasificados de cada grupo obterán o pase directo para os playoffs polo título de liga.
A segunda parte da competición, o torneo Clausura, comezará o 10 de xaneiro e disputarase en dezaseis xornadas. O Parrulo Ferrol debutará como visitante en terras andaluzas contra o Jaén Paraíso Interior, un rival co que xa mantivo unha forte rivalidade a pasada campaña. A liga concluirá o 16 de maio para o equipo naval, que se medirá ao Inter JP Financial.




