A Asociación Cabaleiros de Narón, coa colaboración do Concello e do Padroado de Deportes, organiza a terceira edición da Ruta Cabalar Cidade de Narón o vindeiro sábado 10 de outubro. A xornada, presentada pola concelleira de Festas, Mar Gómez, xunto ao presidente da asociación, Diego Díaz Ramos, e o secretario, Ramiro Pérez Macías, inclúe un completo programa de actividades.
A recepción dos participantes terá lugar ás 9:00 horas no Camiño da Feira, 33, onde se ofrecerá café e un almorzo de benvida. A saída da ruta está programada para as 10:00 horas, cunha parada a medio camiño para tomar uns petiscos. O xantar popular comezará ás 14:30 horas no recinto das naves da Feira do Trece, cun menú que inclúe bebida, callos, churrasco, sobremesa, café e chopo. Para os máis pequenos, haberá opción de menú infantil con tortilla, pizza ou nuggets.
A concelleira Mar Gómez destacou o pracer do Concello en colaborar nesta iniciativa, que gaña seguimento cada ano, e subliñou a idea de que "tamén poida achegarse ao xantar quen non monte a cabalo e pasar o día en familia".
A participación na ruta e no xantar ten un custo de 15 euros para os socios da asociación e 30 euros para os non socios. Os menores de 12 anos pagarán 15 euros, mentres que quen desexe asistir unicamente á comida abonará 25 euros. Ao longo da tarde, haberá animación e hinchables para os nenos e nenas.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o xoves 8 de outubro, enviando a folla de inscrición cuberta e o xustificante de pagamento por WhatsApp aos contactos facilitados: Diego (677 193 977), Rami (637 568 347) ou Raúl (610 697 102).




