O municipio de Neda volverá contar coa súa oficina de turismo municipal operativa durante a vindeira tempada alta. Esta reapertura é posible grazas a unha subvención de 11.000 euros concedida pola Deputación da Coruña. A axuda provincial está destinada a financiar servizos profesionais independentes para a xestión deste punto de información, situado estratexicamente xunto ao albergue de peregrinos da localidade.
A administración local confirmou que Neda figura entre os 54 municipios de menos de 50.000 habitantes beneficiarios desta convocatoria de axudas. A contía percibida no ano 2026 é lixeiramente superior á do exercicio anterior, o que asegura a continuidade dun servizo considerado "esencial" para a promoción turística do concello.
A importancia desta instalación non só radica en mellorar a información en destino dos visitantes, senón especialmente en atender aos miles de peregrinos que transitan polo Camiño Inglés rumbo a Santiago de Compostela.
As cifras de afluencia avalan a relevancia do servizo. Durante o ano 2025, a oficina, que pechou as súas portas a mediados de outubro, rexistrou un total de 2.831 visitas. Destas, o 62% das persoas que se achegaron a solicitar información sobre recursos e servizos turísticos eran usuarios do albergue público contiguo.
Segundo as bases da convocatoria da Deputación, a oficina de información turística de Neda deberá permanecer aberta ao público durante un período mínimo de catro meses neste ano 2026.




