Esta acción formativa, cunha duración total de 50 horas, desenvolverase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, situado na Gándara. Cada edición contará con 10 prazas dispoñibles.
A primeira quenda do curso terá lugar do 14 ao 29 de setembro, mentres que a segunda se estenderá do 30 de setembro ao 16 de outubro. Ambas as edicións impartiranse de luns a venres, en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas.
O programa formativo inclúe contidos específicos sobre o manexo de carretillas elevadoras (UNE 58451, 20 horas) e de plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP, UNE 58923, 15 horas). Ademais, abordaranse módulos de orientación laboral, busca de emprego, igualdade de oportunidades, perspectiva de xénero, e prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval, complementado con charlas e visitas técnicas.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa solicitude a partir do 1 de setembro, ás 8:30 horas, ata o día 7 dese mesmo mes, ás 13:00 horas. As inscricións poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica ou por calquera outro medio permitido pola normativa vixente. A selección de participantes realizarase seguindo rigorosamente a orde de inscrición, reservándose un 20% das prazas para persoas derivadas polo Servizo Sociocomunitario.
Os requisitos para acceder ao curso inclúen ter 18 anos cumpridos ao seu inicio, atoparse en situación de desemprego e estar empadroado/a en Narón. No caso de que queden prazas vacantes, poderán acceder tamén persoas desempregadas doutros concellos, debendo acreditar a súa situación de desemprego antes do comezo da formación.
Para máis información e consulta das bases completas, as persoas interesadas poden dirixirse á sección de Información Pública – Formación na Sede Electrónica do Concello de Narón ou contactar directamente co Centro Municipal de Formación no teléfono 981 33 31 35.
O Concello de Narón sinala que se reserva a posibilidade de anular o curso se non se chega a un mínimo do 60% da participación prevista.




