A nova edición da 'Candaina', a tradicional marcha solidaria organizada pola Asociación Cometa e o Club Deportivo 21 Leguas co apoio do Concello de Narón, terá lugar o vindeiro 31 de maio no paseo marítimo de Xuvia. A organización confía en bater o seu récord de participación, fixando como meta acadar as 500 persoas inscritas, fronte ás 450 rexistradas na edición anterior.
O evento mantén o seu formato habitual: un percorrido de 7 quilómetros que se poderá realizar correndo ou camiñando, con saída programada ás 10:30 horas dende a fronte marítima. O custo da inscrición é de 10 euros, cantidade que inclúe dorsal e paquete de benvida, e que se destinará integramente ao coidado e protección dos animais abandonados que xestiona a entidade organizadora.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación ata o vindeiro 25 de maio ás 23:59 horas a través do sitio web www.321go.es, onde tamén se atopan dispoñibles as bases completas da convocatoria.
“"O éxito das anteriores edicións e a importante labor que realiza a Asociación Cometa no ámbito do benestar animal."
Dende a organización lembran a importancia de garantir o benestar dos animais participantes, indicando que os cans deberán ir suxeitos con correa durante todo o traxecto e, en caso de presentar problemas de comportamento, deberán portar buceira. A xornada completarase cunha sesión vermú a partir das 13:00 horas a cargo de Verso a Verso, ademais de servizo de comida e bebida, inchables para os máis pequenos e varios sorteos de agasallos.




