O Concello de Narón, a través da plataforma Cemit, abriu o prazo de inscrición para dous novos cursos formativos: "Preparatoria ComDix iniciación", de 156 horas, e "LibreOffice iniciación", de 120 horas. Ambas as accións formativas darán comezo o vindeiro 8 de setembro e finalizarán o 3 de novembro.
O curso "Preparatoria ComDix iniciación" impartirase en quenda de mañá, de 9:30 a 13:30 horas. Os contidos abordarán o coñecemento da contorna dixital, a xestión da información, as tecnoloxías dixitais, a participación na sociedade dixital, a creación de contidos e o benestar dixital. As persoas interesadas poden inscribirse a través da ligazón: https://cemit.xunta.gal/es/formacion/formacion-presencial/55963.
Pola súa banda, o curso "LibreOffice iniciación" terá lugar en quenda de tarde, de 16:00 a 19:00 horas. Incluirá módulos sobre a introdución ao entorno de traballo, xestión de arquivos, LibreOffice Writer (procesador de textos), LibreOffice Calc (follas de cálculo) e LibreOffice Impress (presentacións). A inscrición realízase en: https://cemit.xunta.gal/es/formacion/formacion-presencial/55958.
Ambos os cursos son de inscrición gratuíta e contan cunha asistencia limitada a un máximo de 12 persoas por curso.




