A Business Factory Energy (BFEnergy) celebrará o vindeiro martes 8 de setembro, a partir das 10:00 horas, no CIS de Ferrol, unha xornada informativa para dar a coñecer as oportunidades que ofrece esta nova aceleradora especializada en enerxías renovables e transición enerxética.
O encontro, dirixido a empresas, startups, persoas emprendedoras e axentes da cadea de valor da enerxía, permitirá coñecer os obxectivos de BFEnergy, as condicións de participación na súa primeira convocatoria e os servizos de acompañamento postos a disposición dos proxectos seleccionados. A xornada incluirá tamén unha análise das tendencias e oportunidades de negocio do sector das enerxías renovables.
O programa inclúe unha recepción e rexistro de asistentes ás 09:45, seguida dunha benvida institucional polo Director do INEGA, Pablo Fernández, ás 10:00. Posteriormente, o Dr. Marcos Míguez González, Director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, ofrecerá unha relatorio sobre 'Tendencias e oportunidades de negocio no sector das enerxías renovables'. A presentación da primeira convocatoria da BFEnergy, cos seus obxectivos, condicións e servizos, será a cargo de Asime e Cluergal ás 10:45. A xornada pecharase cunha rolda de preguntas e un café networking ás 11:30.
A Business Factory Energy (BFE) é unha aceleradora promovida pola Xunta de Galicia e impulsada polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime). Busca reforzar o ecosistema galego de innovación e favorecer o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais vinculadas á transformación do modelo enerxético.
BFEnergy apoiará startups e proxectos relacionados coas enerxías renovables, o almacenamento enerxético, a eficiencia, a descarbonización industrial e as tecnoloxías sostibles. Ofrecerá mentorización, acompañamento estratéxico e acceso a financiamento, ademais de facilitar a conexión das iniciativas participantes coa cadea de valor enerxética e industrial de Galicia.
A asistencia á xornada é gratuíta, previa inscrición a través dun enlace facilitado pola organización.




