A Área Sanitaria de Ferrol despediu a 23 médicos e especialistas que completaron a súa formación sanitaria especializada (MIR). Tras varios anos de residencia no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e nos centros de saúde da comarca, inician unha nova etapa profesional con "sensacións atopadas".
Unha destas residentes, Antía Galindo Cernadas, que finalizou a súa formación como médica familiar e comunitaria no centro de saúde de Pontedeume, describe o final desta etapa como un momento feliz polo novo comezo, pero tamén nostálxico por "perder eses vínculos, porque ao final, o momento no que terminas a residencia, o teu destino dentro do ámbito sanitario cambia".
Afortunadamente para a área, a maioría dos residentes teñen a intención de quedarse. No caso de Antía, a súa nova etapa profesional comezou de inmediato nas urxencias hospitalarias do hospital de Ferrol. "Tanto eu como os meus compañeiros xa saímos cunha expectativa de contrato laboral para quedarnos na área sanitaria", explica.
Durante a súa formación, os residentes afrontan anos de traballo intenso, con gardas e rotacións que implican unha gran responsabilidade. Para Galindo, "a parte máis complicada do traballo dun residente son as horas". Afirma ter chegado a traballar máis de 250 horas nun mes, sen contar cursos e outras actividades formativas.
Esta carga de traballo ten consecuencias directas na atención. A doutora recoñece que é difícil manter o mesmo nivel de atención despois de moitas horas de traballo continuado. "Cando xa levas 12 horas, 15 horas de traballo, non atendes da mesma maneira a ese paciente que che chega ás 3, 4 da mañá, que ao que ves a primeira hora", lamenta.
Máis aló da formación técnica, a residencia é un período de crecemento persoal. Antía Galindo destaca a importancia da humanidade na atención aos pacientes, algo que, segundo ela, é unha combinación de factores. "Moitas veces aprendes dos propios profesionais cos que te formas, non só che achegan formación médica, che achegan moitísimos valores", sinala.
Este camiño de perseveranza, que para ela foi máis longo ao ter que volver presentarse á selectividade, transforma a nivel persoal. "Ao longo dos anos o cambio que se produce é sobre todo na empatía, dígoche que é unha persoa moitísimo máis empática", reflexiona sobre a súa propia evolución.
Ante a situación actual da sanidade pública, marcada pola falta de médicos e especialistas, Galindo considera que unha das claves é "mellorar as condicións laborais". Critica as xornadas de 24 horas seguidas en condicións ás veces precarias e a temporalidade dos contratos que se ofrecen, sobre todo en atención primaria.
A doutora diferencia os problemas segundo a especialidade, pero subliña que en medicina familiar o principal obstáculo é o "volume de traballo enorme". Esta situación, advirte, impide dar unha asistencia de calidade aos pacientes. "O que non pode ser é que en 7 horas vexas 50 pacientes", conclúe.




