A xogadora catalá Gala Mestres seguirá liderando o vestiario do Baxi Ferrol a vindeira tempada. A entidade confirmou a continuidade da súa capitá, quen recentemente foi nai dun neno chamado Max.
A propia Mestres foi a encargada de comunicar a boa nova a través dun vídeo nas redes sociais do club. "Teño dúas noticias que darvos. A primeira é que Max naceu onte e estamos os dous superbén e supercontentos. A segunda é que nos imos ver por Punta Arnela", declarou a xogadora con visible ilusión.
“"Teño moitísimas ganas de volver axudar ao equipo dende dentro da cancha. Vémonos moi pronto e con moitísima ilusión."
O adestrador Lino López gaña así unha peza clave para transmitir as súas ideas ás novas incorporacións e asegurar a adaptación ao equipo. Mestres achegará garra e experiencia, características que a definen como unha xogadora que nunca se rende.
A catalá regresa tras unha tempada apartada por motivos persoais, pero antes de ausentarse puido participar e gañar a Copa Galicia, despedíndose así provisionalmente das pistas cun sabor doce. Agora, retoma o seu papel para liderar o novo proxecto do club na cidade naval.




