A delegación galega da Asociación de Novos e Mozos Deseñadores (ANDE) mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 30 de abril para a segunda edición da fase rexional dos Premios Nacionais da Moda. Este certame, cuxa final nacional se celebrará en Madrid, está dirixido a creadores emerxentes con vinculación a Galicia.
Os requisitos para participar inclúen ser estudante de Deseño de Moda, Patronaxe ou Belas Artes en escolas galegas ou na Universidade da Coruña (cun mínimo do primeiro curso finalizado), ter unha empresa téxtil con menos de tres anos de actividade, ou ser deseñador menor de 30 anos con orixe galega ou dous anos de residencia na comunidade.
Os interesados deben presentar seis figurines en formato DIN A4 a cor, xunto cunha descrición da colección, os bocetos correspondentes e o detalle dos materiais empregados. Os traballos, xunto cos datos persoais, deben enviarse ao correo electrónico info@andegalicia.es. Os seleccionados participarán no segundo desfile de ANDE Galicia, que terá lugar o 15 de outubro en Ferrolterra, onde un xurado profesional elixirá a mellor colección.
O premio ao Mellor Mozo Deseñador/a galego consistirá en representar á comunidade na XL edición dos Premios Nacionais á Moda para Mozos Deseñadores. Ademais recibirá un diploma acreditativo, unha reportaxe nun medio de comunicación dixital galego, e un premio especial nunha empresa no sector téxtil.
Na edición de 2025, a representante galega, Claudia Jiang, acadou o segundo posto no certame nacional, o que, segundo ANDE, “denota a excepcional calidade dos mozos deseñadores galegos”. A elección de Ferrolterra como sede débese a que os máximos responsables da delegación galega da asociación son orixinarios desta comarca, consolidándoa como un referente no panorama da moda emerxente.




