A cidade naval tendeu pontes co país veciño para lembrar un ano máis este fito histórico. Un dos puntos neurálxicos da celebración foi o establecemento Lusitânia, situado na rúa Real, onde os caraveis vermellos adornaron as mesas e a música de Zeca Afonso encheu o ambiente.
“"Os galegos están moi concienciados co que supuxo o 25 de Abril en Portugal, a xente recibe moi ben o recordo dese día, encántalle, e coñecen perfectamente a historia."
A responsable do local, que tiña dous anos cando caeu o réxime de Salazar, subliñou a importancia da data para a súa familia, que significou "liberdade, alegría, saír dunha ditadura... E como o fixeron, sen violencia". Tamén destacou os "avances moi importantes" que a revolución trouxo á rexión do Alentejo, onde naceu o seu pai, e a necesidade de "máis 25 de Abril" nos tempos actuais.
Ademais do Lusitânia, que ofreceu doces típicos portugueses como os "pastéis de nata" e viños lusos, outros barrios de Ferrol tamén se sumaron á conmemoración. No barrio de Esteiro, a Associaçom Cultural Artábria organizou unha dobre cita que incluíu a actuación do Coro do Beco e un xantar portugués. En Canido, a Asociación Sociocultural Muíño do Vento celebrou a data coa inauguración da mostra 'Trece anos de Muíño', unha recompilación fotográfica das súas xuntanzas polo 25 de Abril, e unha lectura de poemas, culminando co canto colectivo de Grândola, Vila Morena.




