O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, confirmou este luns que o Concello procederá á sinatura do novo contrato de recollida de lixo e limpeza viaria. Esta decisión chega despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) desestimase os tres recursos especiais que mantiñan paralizada a adxudicación á UTE Copasa – Sectec.
Rey Varela, nunha rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno local, celebrou o fin dun proceso que, segundo as súas palabras, levaba “máis dunha década esperando”. A resolución 85/2026 do órgano autonómico de contratación permite levantar a suspensión automática do procedemento, abrindo o camiño para a formalización do acordo nos próximos días.
“"Hoxe pódese anunciar, por fin, que nos próximos días asinaremos un dos contratos de servizos máis importantes para a cidade."
A empresa adxudicataria deberá presentar agora un plan detallado para a implantación progresiva do novo sistema, que suporá unha renovación integral do equipamento urbano. O novo servizo contará cunha frota de camións de carga lateral e vehículos con etiqueta 'Cero Emisións', e implicará unha reorganización do cadro de persoal de 134 traballadores para reforzar a limpeza diaria e os desbroces durante todo o ano, tanto no casco urbano como na zona rural.
Entre as novidades, substituiranse os actuais contedores subterráneos por un novo modelo ergonómico con sistema electrónico de identificación por radiofrecuencia. Tamén se garantirá o mantemento dos areais durante todo o ano, medida que se aplicará xa este próximo verán, e crearanse brigadas específicas para o desbroce permanente. O alcalde destacou un investimento privado de 12 millóns de euros por parte da empresa para a adquisición de nova maquinaria.
Ademais do contrato de limpeza, a Xunta de Goberno adxudicou os servizos de dirección de obra e coordinación de seguridade para a primeira fase da cuberta do Estadio de A Malata. Os lotes, adxudicados ás empresas Proife e Atenea por máis de 161.000 euros, permitirán o inicio dos traballos nas próximas semanas. Rey Varela cualificou esta actuación, orzada en case catro millóns de euros, como “a máis importante no estadio desde a súa inauguración en 1990”.
Tamén se aprobou o proxecto de reforma da piscina climatizada do Complexo Polideportivo Javier Gómez Noya en Caranza, cun orzamento de 525.000 euros. As obras incluirán a instalación dunha nova bomba de calor, a renovación dos alicatados, a substitución do pavimento por superficies antideslizantes e un sistema de automatización para cumprir cos criterios sanitarios da Xunta de Galicia.




