Entre as iniciativas destacadas atópase a rehabilitación integral do lavadoiro de Esmelle, situado en Chá Mariña. Este proxecto, cun orzamento de 54.605,35 euros e un prazo de execución de tres meses, busca restaurar un elemento do patrimonio popular galego construído en 1960 que presenta un notable deterioro estrutural. Os traballos implicarán a demolición da estrutura actual de formigón e madeira para substituíla por unha nova cuberta a dúas augas con piares e vigas de madeira de castiñeiro tratado, ademais da limpeza do vaso de cantería e da canle de entrada de auga.
“"Os lavadoiros son o reflexo fiel da historia e a tradición de Galicia, ao igual que os cruceiros ou os hórreos."
No ámbito cultural, a Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto básico e de execución para mellorar a iluminación exterior do Teatro Jofre. Esta actuación, cun custo de 20.191,15 euros financiados pola Deputación da Coruña, executarase en dous meses. O obxectivo é substituír o sistema ornamental actual por luminarias LED que permitirán variar a intensidade e a cor da luz, posibilitando unha iluminación dinámica da fachada para adaptarse a diferentes conmemoracións e eventos, e ampliando a zona iluminada a toda a fronte do histórico edificio.
Ademais, no eido deportivo, o goberno municipal formalizou a renovación de once convenios de colaboración con clubs da cidade, cun importe total de 415.000 euros. Esta partida forma parte dos 849.000 euros que o Concello de Ferrol destinará en 2026 a axudas para entidades deportivas. Entre os clubs beneficiados nesta primeira quenda de renovacións atópanse o Club Universitario Ferrol, o Club Triatlón Ferrol, o Club Atletismo Ría de Ferrol, o Basketmi Ferrol, o Club Praia Pantín, a Escudería Ferrol e o Club de Remo San Felipe, entre outros. Estas inversións compleméntanse co proxecto da Cidade do Deporte, dotado con 18 millóns de euros para a renovación e creación de novas infraestruturas deportivas no municipio.




