A intervención, que supuxo un investimento de 140.750 euros, foi supervisada pola alcaldesa Sandra Permuy, acompañada polo tenente de alcalde Manuel Polo e a concelleira de Obras Mª Carmen Martínez. Este proxecto foi financiado integramente a través do programa POS+ 2023 da Deputación da Coruña.
A nova senda peonil esténdese ao longo de 1.132 metros no marxe esquerdo da vía, proporcionando un itinerario continuo para os viandantes. Ademais de gañar espazo para os peóns, as obras incluíron a instalación de novas canalizacións para augas pluviais, resolvendo así problemas históricos de drenaxe neste tramo.
Desde o punto de vista técnico, optouse por un pavimento de formigón continuo coloreado cun espesor de 15 centímetros, que se reforza ata os 20 centímetros nos accesos ás parcelas lindeiras para asegurar unha maior resistencia ao tráfico rodado ocasional.
“"Seguimos avanzando cara a un modelo de mobilidade máis amable, accesible e sostible, que pon ás persoas no centro das actuacións urbanas."
A alcaldesa Sandra Permuy subliñou que esta obra contribúe á continuidade do paseo marítimo e, fundamentalmente, á mellora da seguridade nun espazo “moi utilizado polos veciños”. O consistorio fenés enmarca esta mellora nunha estratexia municipal máis ampla para fomentar os desprazamentos a pé e a calidade de vida na contorna de San Valentín e as súas inmediacións, uniformizando o aliñamento da vía e facilitando un tránsito peonil seguro e integrado no espazo urbano.




