A escaseza de espazo para estacionar preto do centro de saúde de Pedroso, en Narón, é un problema que dificulta o acceso dos usuarios e a propia actividade sanitaria. Ante esta situación, o Partido Popular local proporá no pleno de maio unha solución concreta: a modificación do peche do parque infantil anexo para xerar cinco novas prazas de aparcamento.
O voceiro popular, Germán Castrillón, sinalou que os numerosos usuarios que acoden ao ambulatorio "teñen que buscarse a vida para aparcar". Esta dificultade agrávase especialmente os martes e xoves, días de analíticas, e cando se desprazan a asistenta social, o vehículo de subministro de osíxeno ou o persoal sanitario para visitas a domicilio.
Esta problemática afecta de forma particular ás persoas máis vulnerables, como maiores ou con mobilidade reducida, que requiren un acceso cómodo e seguro. Castrillón criticou que a praza existente para este colectivo non cumpre coas medidas legais, o que, ao seu xuízo, "demostra a preocupación do goberno local en canto á súa política de inclusión".
A proposta do PP céntrase en retranquear o peche do parque infantil contiguo, xa que o centro escolar ao que pertence non está operativo. Esta medida permitiría crear ata cinco prazas na zona inferior do patio e habilitar un acceso directo á rampla de entrada, facilitando o paso a persoas con mobilidade reducida. Os populares cualifican esta opción de "sensata e menos custosa".
Por iso, a formación instará ao goberno municipal a estudar a viabilidade da proposta no próximo pleno. Tamén solicitarán a adaptación da praza para persoas con mobilidade reducida á normativa vixente e a sinalización dun acceso libre para vehículos ata a entrada do centro, urxindo a que as obras se executen "no menor tempo posible".
Finalmente, o voceiro popular concluíu que "o goberno local leva moito tempo descansando e desatendendo o ambulatorio de Pedroso, é hora de que espertan e fagan o seu traballo, as solucións, como sempre, xa mas damos os populares de Narón".




