ADOS fai un chamamento á doazón de sangue polas baixas reservas

As prazas de Armas e España en Ferrol son os espazos onde máis doazóns se produciron, cunha taxa superior á media galega.

Imaxe xenérica de bolsas de sangue para doazóns.
IA

Imaxe xenérica de bolsas de sangue para doazóns.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) solicita a colaboración cidadá para reforzar as reservas de sangue, especialmente dos grupos A Positivo, A Negativo, 0 Positivo e 0 Negativo, que se atopan baixas neste verán.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) reiterou o seu chamamento á cidadanía galega para que doe sangue nestes días de verán, xa que as reservas dalgúns grupos sanguíneos, en concreto A Positivo, A Negativo, 0 Positivo e 0 Negativo, presentan niveis baixos. É indispensable poder reforzar estas reservas para garantir a atención sanitaria.
Dende ADOS lembran que a doazón pode realizarse tanto nas unidades móbiles que percorren as catro provincias galegas a diario, como nos puntos permanentes. En Ferrol, o punto de doazón atópase no hospital Arquitecto Marcide, con horarios específicos de luns a venres.
Calquera persoa maior de idade en bo estado de saúde e cun peso superior a 50 quilos pode ser doante de sangue, segundo as recomendacións de ADOS.
A cidade de Ferrol demostrou unha notable solidariedade, aportando ata o 22 de xuño un total de 3.338 doazóns neste ano, o que supón unha taxa de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes. Esta cifra sitúa a Ferrol por riba da media galega e como a terceira cidade de Galicia con maior índice de doazón. O punto permanente do hospital Marcide rexistrou 1.036 destas achegas.
O éxito destas campañas tamén se debe ao "papel clave" do tecido empresarial, educativo e deportivo da cidade. Destácanse iniciativas como as de Navantia (145 doazóns), centros educativos como o CIFP Rodolfo Ucha (89) e o CIFP Ferrolterra (85), así como o compromiso do Campus de Ferrol, que liderou a taxa de doazón en Galicia con 77 doazóns por cada 1.000 alumnos na primeira fase dunha campaña. O Racing de Ferrol tamén promove anualmente este xesto solidario.
Por zonas, as campañas realizadas nas praza de España e Armas foron as que concentraron unha maior participación, con 437 e 361 achegas, respectivamente.
Sanidade agradece o compromiso cidadán e informa que haberá unidades desprazadas en San Sadurniño este xoves e en Cariño este venres.