A comisión de festas do barrio da Gándara, en Narón, organizou unha Feira de Abril que encheu de cor e alegría as inmediacións da praza principal. O obxectivo principal desta iniciativa era recadar fondos para os próximos festexos patronais, e a resposta do público foi notable, con gran afluencia durante toda a xornada.
Desde o mediodía, os asistentes puideron gozar dunha atmosfera festiva, onde non faltaron os traxes típicos andaluces. Moitos acudiron vestidos con lunares, volantes, flores no cabelo e sombreiros cordobeses, participando así nun sorteo con premios en catro categorías, tanto para adultos como para nenos. A carpa instalada para a ocasión estivo, por momentos, completamente chea.
E veña troula!
A oferta gastronómica foi un dos puntos fortes do evento, con racións de polbo de Landeira Pulpeiros, calamares, parrochitas fritas e xamón ibérico de Eventos Trastoy. Para acompañar, servíronse os tradicionais rebujitos e manzanilla. A música tamén tivo un papel fundamental, coa actuación de Nuria Boreal ao mediodía e un 'tardeo' a cargo de DJ Viceversa, que fixeron bailar aos presentes ata ben entrada a noite, despois do acendido do "alumbrao".
Ademais do seu carácter festivo e recadatorio, a organización da Feira de Abril de Narón tamén colaborou co Centro de Recursos Solidarios, mostrando o seu compromiso coa comunidade local.




