A reunión, a primeira de traballo do responsable autonómico tras a súa toma de posesión, serviu para expoñer o problema pero non para debullar solucións concretas, segundo fontes do colectivo. Á xuntanza acudiron Susana Bellón, vicepatroa segunda da Confraría de Pescadores e presidenta da agrupación de mariscadoras; Raquel Ramos, secretaria da agrupación; María Rodríguez, secretaria da Confraría de Pescadores de Cedeira; e Santiago Pereira, biólogo do pósito. Pola parte da Consellería, ademais de Gómez Brandariz, participaron Alexandre Piñeiro, director territorial de Pesca en Celeiro, e outro técnico.
O biólogo da confraría presentou datos sobre a mortandade do berberecho e a ameixa, así como o nulo resultado das recentes sementeiras. As mariscadoras reclamaron unha investigación a fondo para determinar as causas do declive produtivo e a adopción de medidas, incluíndo un estudo da situación do substrato.
“"No que queda do presente ano xa non vai ser posible establecer ningún convenio para confiarlles traballos de rexeneración que palíen a súa situación económica."
De cara ao 2027, o director xeral suxeriu ao colectivo diversificar e presentar plans de explotación doutros recursos como o poliqueto, o bígaro ou o cangrexo. As mariscadoras, que forman un colectivo de doce mulleres, algunhas xa sen paro, manifestaron a súa vontade de loitar pola súa actividade e de presentar á Consellería plans de explotación alternativos mentres agardan a recuperación dos recursos tradicionais.




