O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación para a subministración dunha miniescavadora e os seus implementos, destinados a actuacións de prevención de incendios forestais. A compra conta cun orzamento de 60.521€ (IVE incluído), dos cales 30.000€ provirán dunha subvención da Consellería de Presidencia. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 20 para presentar as súas ofertas.
Esta é unha das actuacións que o goberno municipal financiará mediante a incorporación de créditos procedentes de remanentes do ano pasado, aprobada polo pleno en setembro. Dispoñer de medios propios para a prevención de incendios forestais é crucial para un municipio como Cedeira, que posúe un 60% de superficie forestal, con importantes montes de titularidade pública e relevos escarpados na Serra da Capelada.
O concurso aberto polo Concello de Cedeira busca a subministración dunha miniescavadora tipo Komatsu PC24MR-J, unha máquina versátil cun consumo optimizado e capacidade para operar en espazos reducidos. Incluirá cadeas de goma para protexer pavimentos e outros implementos para un alto rendemento. O vehículo integrarase no parque móbil municipal e facilitará tarefas como a apertura e mantemento de faixas de biomasa, limpeza de pistas, conservación de drenaxes e mantemento de accesos a puntos de auga.
Cómpre lembrar que o Concello xa reforzou o seu equipamento coa compra dun tractor con brazo desbrozador en 2021 e un camión con guindastre en 2025, operacións nas que se investiron máis de 221.000€.




