A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao concello de Ares onde, acompañada polo alcalde, Julio Iglesias, supervisou o desenvolvemento das obras de construción do novo aparcamento disuasorio na localidade. Esta actuación está cofinanciada por ambas administracións en virtude dun convenio de colaboración coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Os traballos, que se levan a cabo nunha parcela situada no punto quilométrico 1+640 da estrada AC-123, permitirán dotar o espazo de 216 novas prazas de estacionamento. O proxecto inclúe a aplicación de pavimento granular nas zonas de aparcadoiro, a xeración de zonas verdes e carrís de circulación en formigón, ademais de canalización subterránea e iluminación.
O Goberno galego destina máis de 220.000 euros a esta actuación, o que representa o 75% do orzamento total do proxecto.




