No ámbito urbanístico, concedeu licenza para a construción dun edificio de 16 vivendas nunha parcela con fronte ás rúas Eloi Maquieira Arquitecto e Anselmo Sampedro Ania (zona Praza Agro do Rolo). O proxecto, cun investimento de 1,3 millóns de euros, contempla tamén 16 prazas de garaxe, 16 rochos e un local comercial, cun prazo de execución previsto de 36 meses. A actuación supón uns ingresos municipais por taxas e impostos de 52.252,05 euros.
Aprobouse tamén o pagamento de 5.854,81 euros polas expropiacións necesarias para executar o Plan Parcial do sector SUD S-16.R, que contempla un sistema xeral de espazos libres de 9.774 metros cadrados. As cantidades correspondentes ás expropiacións foron consignadas pola Xunta de Compensación.
Outro dos acordos foi o encargo á empresa municipal EVISLUSA da redacción do proxecto técnico e da dirección facultativa para as obras de conservación, restauración e rehabilitación do edificio municipal situado na Praza do Castiñeiro, na confluencia das rúas Lamas de Prado e Juana la Loca. Este local está infrautilizado, con humidades e os dispositivos informáticos deteriorados. O encargo ascende a 11.270 euros e establece un prazo dun mes para a elaboración do proxecto.
Adxudicouse tamén a obra do pavimento do aparcadoiro do HULA por un orzamento de 272.000 euros, cunha intervención no firme que busca reducir as necesidades de mantemento.
En canto á participación cidadá, avánzase na constitución do Consello Sectorial de Persoas Maiores coa designación dos vogais. Este órgano permitirá canalizar iniciativas e propostas relacionadas co benestar e a atención deste colectivo, considerado polo equipo de goberno como fundamental para a cidade.
Ademais, acordouse a adhesión do Concello á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia para promover o uso do galego, sen novos compromisos de gasto.
No ámbito do persoal, aprobouse a plantilla do Concello para a Escola de Música e a Banda Municipal, creando 16 prazas de músico/a instrumentista-docente do subgrupo C1. Este acordo permitirá recuperar ambos os servizos cunha estrutura de persoal adaptada.




