A sesión, titulada 'Entre culleres e dúbidas: alimentación complementaria', estivo dirixida a persoas coidadoras de lactantes de entre 6 e 12 meses adscritos a estes centros de saúde que xa iniciasen a introdución de alimentos sólidos. As enfermeiras Mónica Rey Bouza (especialista en pediatría), Eva Herrero Domínguez (especialista en familiar e comunitaria) e Natalia Freire Barja (especialista en obstetricia-xinecoloxía) impartiron unha sesión grupal de 90 minutos para 10 asistentes.
O obxectivo principal da actividade, segundo as propias profesionais, foi "favorecer un espazo grupal de reflexión sobre as dificultades, preocupacións, expectativas e contradicións que xorden nas familias ao redor da alimentación complementaria, promovendo a elaboración colectiva de formas máis saudables e axustadas de afrontar esta etapa". A alimentación complementaria é unha fase de transición que non só afecta a dieta do bebé, senón tamén á organización e relacións familiares.
Durante a sesión abordáronse dúbidas comúns como cando comezar, que alimentos ofrecer, canto debe comer o bebé, como actuar ante o rexeitamento de certos alimentos ou as recomendacións de familiares e contorna. As profesionais sinalaron que estas dificultades non se deben unicamente á falta de información, senón que tamén están influenciadas por crenzas, experiencias previas, modelos familiares e expectativas sociais.
A intervención empregou a metodoloxía PROCC (Procesos Correctores Comunitarios), que parte das experiencias concretas dos participantes e utiliza o grupo para identificar e analizar as contradicións da vida cotiá. A información sanitaria utilizouse de forma puntual para aclarar situacións xurdidas no grupo, enmarcada nunha reflexión máis ampla sobre as prácticas familiares e sociais. Buscouse así favorecer un proceso de reflexión colectiva que axude ás familias a recoñecer dificultades, atopar diferentes formas de afrontalas e construír alternativas saudables e viables.




