A delegación internacional, pertencente ao Instituto Nacional de Tecnoloxía Industrial (INTI) de Arxentina e ao Laboratorio Tecnolóxico do Uruguai (LATU), visita Galicia para coñecer experiencias de referencia no sector apícola, nunha visita que se enmarca nun proxecto de cooperación triangular para América Latina e o Caribe impulsado pola Cooperación Española.
Durante o encontro, Martín Alemparte destacou a aposta de Galicia por un modelo agroalimentario baseado na calidade e a diferenciación, sinalando que as producións galegas de calidade diferenciada acadaron en 2025 unha facturación próxima aos 746 millóns de euros, implicando a máis de 21.700 produtores e 1.100 industrias.
Salientou tamén o papel da Axencia na investigación e formación, e puxo como exemplo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia como modelo de diferenciación e valorización comercial.
Ao longo da súa estadía, a delegación coñeceu diferentes experiencias do sector apícola galego, como a Agrupación Apícola de Galicia e a cooperativa Erica Mel, ademais de visitar explotacións dedicadas á produción e comercialización de mel.
A programación incluíu tamén visitas ao Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, onde coñeceron os mecanismos de control e certificación, e a outros consellos reguladores como o da DOP Queixo Tetilla e o das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, para ofrecer unha visión ampla do modelo galego de calidade diferenciada.




