Galicia convértese na primeira rexión europea en dispoñer dun helicóptero pesado Black Hawk UH-60L destinado á loita contra os incendios forestais. Esta aeronave, capaz de descargar máis de 4.300 litros de auga, operará a través da empresa Airworks Helicopters. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou a importancia desta incorporación na base aérea de Silleda, onde estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e polos pilotos Nicolás Tamame e Abisai Carrascal.
María José Gómez subliñou que Galicia "volve a ser pioneira na extinción de incendios", xa que este helicóptero é o primeiro destas características en Europa operado por persoal civil. Sinalou que a súa entrada en funcionamento representa un avance significativo na especialización e capacidade operativa dos medios aéreos contra o lume na comunidade. O piloto Nicolás Tamame explicou que é "o helicóptero máis veloz que hai en toda España e Europa facendo extinción de incendios e está preparado para bombardear grandes cantidades de auga".
Con este novo medio aéreo, a conselleira indicou que se reforza a capacidade de descarga de auga e diversifícanse os medios do dispositivo, co obxectivo de responder ás distintas necesidades de cada incendio. Tamén se mellora o apoio aos profesionais que traballan sobre o terreo e a protección das persoas e dos montes.
A conselleira lembrou que Galicia conta con 24 medios aéreos propios para a loita contra os incendios forestais, catro dos cales se incorporaron este ano: dous avións de carga en terra, un de coordinación e este helicóptero pesado, que o próximo ano operará desde a nova base de Lalín. Estes avances reflicten o compromiso do Goberno galego, que se manterá nos orzamentos para 2027.
Os orzamentos para 2027 contemplan un investimento de 6 millóns de euros para ampliar e mellorar a rede de bases aéreas, actuando no novo aeródromo de Setecoros (Valga) e nas bases de Beariz (Ourense) e Doade (Lugo). Ademais, destinaranse outros 3 millóns de euros a ampliar o número de bases de unidades operativas (BUO), coa construción dunha nova en Bande (Ourense) e a mellora da de Areas (Tui).




