O novo equipamento, que consiste nun remolque acondicionado con nove bocas de depósito selectivo, busca facilitar á veciñanza a correcta separación e entrega de residuos domésticos que requiren xestión específica, achegando o servizo aos diferentes núcleos de poboación.
Esta iniciativa enmárcase na Liña 6 de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, destinada a incrementar a ecoeficiencia na xestión de residuos municipais. O proxecto, adxudicado á empresa MACANE RECICLAXES, S.L., fomenta a reutilización, a reciclaxe e a valorización, reducindo o depósito incorrecto nos colectores convencionais e avanzando cara a un modelo máis sostible.
O Concello de Ares reafirma así o seu compromiso coa sostibilidade ambiental e a economía circular, contribuíndo aos obxectivos do Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030. A actuación conta cunha taxa de cofinanciamento FEDER do 60%.




