O proxecto, coordinado por Galicia Suroeste Eurural e no que tamén participa Limia-Arnoia, desenvolverase durante 2026 e 2027 co obxectivo de abrir novas vías de venda e dinamización para produtos locais e artesanais.
A primeira cita desta edición tivo lugar en Tui, do 9 ao 12 de outubro, no edificio da praza da Inmaculada, reunindo dezaoito postos de artesanía, xoiería, moda e alimentación, ademais de obradoiros e música en directo. A xerenta do GDR Ulla Tambre Mandeo, María Fernández Varela, participou na xornada do 9 de outubro.
Esta iniciativa fomenta a cooperación entre territorios e busca ofrecer a emprendedores novos espazos para presentar o seu traballo e conectar co público, ao tempo que achega á veciñanza a diversidade de propostas do rural.
A segunda edición de Espazos Efémeros contempla catro espazos temporais, un deles no territorio Ulla Tambre Mandeo, que combinarán a actividade comercial con propostas culturais e gastronómicas para coñecer o territorio.
Para o GDR Ulla Tambre Mandeo, esta iniciativa representa unha oportunidade para dar visibilidade ao tecido produtor e creativo local, facilitar novas vías de comercialización e apoiar o emprendemento, con especial atención ás mulleres e á mocidade. O proxecto desenvólvese co financiamento da Unión Europea a través do FEADER, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.




