O Concello de Silleda vén de sacar a licitación as obras do proxecto de humanización de contornas en núcleos rurais. Esta actuación, que conta cun orzamento base de licitación de 671.975,21 euros (IVE incluído), permitirá intervir en nove ámbitos do municipio.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de outubro. O proxecto establece un prazo de execución de catro meses desde o inicio dos traballos. A actuación financiarase con cargo ao Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra.
Os núcleos rurais que se beneficiarán deste proxecto son Cumbraos (Escuadro), Corveira-Soldecasa (Rellas e Escuadro), Santa Cristina e A Peroxa (Lamela), Vilavella (O Castro), Pedrouzo (Graba), Sestelo (Siador), Recimil (Fiestras) e Toxa (Silleda).
A alcaldesa de Silleda e responsable municipal de Obras, Paula Fernández Pena, destacou que este proxecto é “moi importante para o noso rural, tanto pola contía do investimento como polo número de núcleos nos que se vai actuar”. Sinalou que o obxectivo é “mellorar a accesibilidade, a seguridade e a funcionalidade dos espazos públicos, buscando contornas máis cómodas e amables para a veciñanza e recuperando tamén estes espazos como lugares de encontro e convivencia”.
O proxecto contempla unha intervención integral nos viarios, con melloras de firmes, pavimentos, drenaxe, sinalización e a incorporación de mobiliario urbano. Tamén se inclúen solucións específicas para favorecer a mobilidade peonil e unha convivencia máis segura entre o tránsito rodado e as persoas.
Estas obras súmanse a un investimento superior aos 3,5 millóns de euros na mellora da rede viaria municipal durante os últimos dous anos, incluíndo o Plan Silleda e actuacións do Plan Camiña Rural.




