A Consellería do Medio Rural, mediante a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), reforza o seu apoio á agricultura ecolóxica galega co impulso do II Encontro Ecolóxico Galego. O evento, organizado por PROECOGAL, celebrarase o vindeiro 17 de outubro no Campo da Feira de Parga, en Guitiriz.
Esta iniciativa busca dar visibilidade aos produtores ecolóxicos, achegar os seus produtos aos consumidores e fomentar novas oportunidades de comercialización e xeración de valor no ámbito rural galego.
A xornada incluirá postos de venda de produtos ecolóxicos, obradoiros, actividades divulgativas, demostracións gastronómicas e actuacións musicais, ademais de sorteos.
Desde Medio Rural sublíñase a importancia da agricultura ecolóxica como parte da estratexia de promoción da calidade diferenciada de Galicia, xunto coas denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e artesanía alimentaria, baixo a marca Aquí Sabemos.
Destácase tamén o papel da certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) para garantir o cumprimento dos requisitos e ofrecer confianza aos consumidores.
A Xunta lembra que o consumo de produtos ecolóxicos galegos apoia aos produtores locais, contribúe á economía e favorece o mantemento da poboación no rural.




