O proxecto, promovido pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Silleda, combina unha exposición fotográfica coa proxección do documental homónimo e actividades de sensibilización dirixidas á mocidade.
A exposición reúne fotografías realizadas durante a rodaxe en Arxentina, Perú, Colombia, Paraguai e España, achegando á realidade da trata e da explotación sexual, unha realidade que habitualmente permanece oculta.
O documental, dirixido por Mabel Lozano, aborda a través dunha investigación nos cinco países a realidade da trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, achegándose tanto ás vítimas como aos mecanismos que sosteñen este negocio.
Como complemento á mostra, o documental proxectarase no Salón de Actos do Concello de Silleda durante todos os días da mostra en horario de 10:00 a 14:00 horas.
O 8 de outubro celebrarase unha xornada específica coa participación de alumnado do IES Pintor Colmeiro e do CPR María Inmaculada. A actividade, para maiores de 14 anos, incluirá visita guiada, proxección, actividade didáctica e debate co obxectivo de favorecer a reflexión crítica arredor da trata e a violencia contra as mulleres.
Desde o Concello de Silleda destácase a importancia de achegar á mocidade ferramentas que lles permitan identificar e comprender estas realidades, empregando a fotografía e o audiovisual como instrumentos de sensibilización, prevención e educación en igualdade.




