A responsable sanitaria, acompañada polo subdirector xeral de Selección de Persoal, Daniel Potel, puxo en valor o traballo dos corpos de seguridade, emerxencias e persoal da Fundación da Semana Verde, así como dos colaboradores do Sergas, para garantir o desenvolvemento normal das probas. O dispositivo de seguridade e organización incluirá efectivos da Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local, Protección Civil, persoal da autopista, o 061 e da Fundación Semana Verde de Galicia.
As probas selectivas, que contan cun total de 33.717 admitidos, terán lugar no Recinto Feiral Internacional Semana Verde de Galicia, situado en Silleda, durante os meses de outubro e novembro.
A quenda da mañá do sábado acollerá aos aspirantes para as categorías de técnico en farmacia, logopedista e condutor. Pola tarde, realizaranse os exames de fisioterapeuta, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, fontaneiro e técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información.
O domingo 25 de outubro desenvolveranse as probas para técnico en coidados auxiliares de enfermería (quenda xeral e discapacidade intelectual) e de técnico en farmacia (discapacidade intelectual).
En novembro, continuarán os procesos selectivos con exercicios para as categorías de médico de admisión e documentación clínica, técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información, traballador social, mecánico, grupo auxiliar da función administrativa, médico xeral de ADOS, farmacéutico de atención primaria, odontólogo de atención primaria, técnico de xestión en sistemas e tecnoloxías da información, calefactor, celador (quenda xeral e discapacidade intelectual), médico asistencial do 061, terapeuta ocupacional, dietista-nutricionista e electricista.




