As probas de oposición do Servizo Galego de Saúde (Sergas) celebradas esta mañá no Recinto Feiral Internacional de Silleda rexistraron unha participación do 78,16%. Un total de 1.167 opositores dos 1.493 inscritos acudiron aos exames para as categorías de médico de admisión e documentación clínica, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, traballador social e mecánico.
En concreto, na categoría de médico de admisión e documentación clínica (5 prazas ofertadas) realizaron o exame 41 de 57 convocados. Para técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información (9 prazas), foron 63 de 91 admitidos. Na categoría de traballador social (57 prazas), asistiron 858 de 1.068 opositores, e na de mecánico (5 prazas), 205 de 277 admitidos.
Esta tarde, a partir das 16:00 horas, un total de 8.003 persoas participarán nas probas de acceso ao grupo auxiliar da función administrativa, para as que se ofertan 192 prazas.
As probas continuarán a vindeira fin de semana, os días 14 e 15 de novembro, coa participación de máis de 10.000 opositores. O sábado, o recinto acollerá aspirantes a médico xeral (6 prazas), farmacéuticos de atención primaria (31 prazas), odontólogos de atención primaria (8 prazas), técnico en xestión en sistemas e tecnoloxías da información (9 prazas) e calefactor (7 prazas). Pola tarde, celebraranse as probas para celador, con 348 prazas para 7.800 persoas.
O domingo 15 de novembro concluirán as probas coas categorías de médico asistencial do 061 (8 prazas), terapeuta ocupacional (11 prazas), dietista-nutricionista (45 prazas) e electricista (11 prazas), para as que hai 1.202 aspirantes.
Durante este outono, o departamento sanitario da Xunta organiza estas probas para acceder a un total de 2.223 prazas.




