O recoñecemento, enmarcado na campaña «Este edificio quéntase con biomasa» e cofinanciado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), pon en valor a traxectoria do municipio na promoción deste sistema de calefacción. Silleda é o único concello distinguido este ano, aínda que comparte a distinción con entidades como a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o campamento Espazo Natura, a Fundación San Rosendo, a Axencia Galega da Industria Forestal e o Grupo Gescan.
A Rede de Calor, a primeira de carácter público-privado en Galicia, comezou a funcionar en 2018. Cunha potencia instalada dun megawatio, subministra calefacción e auga quente sanitaria a distintos equipamentos públicos e privados, entre eles o pavillón César Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul, a Residencia e Centro de Día de Maiores, o Hotel Vía Argentum e a actual sede do Concello. Estímase que o aforro económico asociado á rede pode acadar os 90.000 euros anuais, evitando ademais a emisión á atmosfera dunhas 350 toneladas de CO₂ cada ano.
“"Pon en valor unha aposta que Silleda iniciou hai anos e á que lle seguimos dando continuidade, levando a biomasa tamén aos centros sociais municipais e avanzando cara a un modelo enerxético máis eficiente e sostible."
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou tamén a visión de futuro do exalcalde Manuel Cuiña, baixo cuxo mandato se impulsou a Rede de Calor. «Manuel soubo ver hai anos que este era o camiño. Apostou por unha instalación pioneira, por unha enerxía limpa e de proximidade e, sobre todo, por un proxecto pensado para seguir medrando», sinalou Fernández, quen asegurou que o tempo demostrou que aquela decisión foi acertada.
A visión de futuro coa que naceu a Rede de Calor tamén estivo ligada desde o principio á construción da piscina climatizada. A central situouse nunha parcela municipal tendo en conta a posibilidade de construír este equipamento nas súas proximidades e aproveitar a calor da rede. Non obstante, a alcaldesa lembrou que esa previsión segue pendente de materializarse despois de que, no pleno do pasado 23 de outubro, o PP e o BNG votasen en contra de iniciar a tramitación do préstamo necesario para construír a piscina, malia contar o Concello cunha subvención autonómica de 500.000 euros.
Fernández asegurou que este novo recoñecemento anima ao goberno municipal a continuar traballando e anunciou que seguirá avanzando na redacción dos pregos de contratación da piscina climatizada, co obxectivo de ter preparada a documentación e sometela a aprobación cando exista a oportunidade política para facelo.




