A operación culmina un proceso iniciado en 2014, cando o goberno municipal alcanzou un acordo con Sogama para resolver a débeda histórica polo impago do servizo de tratamento de residuos. Aquel pacto contemplaba a adquisición de terreos municipais condicionada á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que non entrou en vigor ata maio de 2023.
Para formalizar a venda, foi necesario promover unha modificación puntual do PXOM que regularizase os terreos ocupados polas instalacións de Sogama, compensando a zona verde afectada noutro espazo do polígono. Esta modificación foi aprobada inicialmente polo Pleno en maio de 2025 e definitivamente pola Xunta de Galicia en marzo de 2026.
“"Non se trataba simplemente de vender uns terreos, senón de dar unha solución definitiva á ordenación desta parte do polígono, regularizar as parcelas e facer posible a compravenda"
A alcaldesa e responsable de Urbanismo, Paula Fernández Pena, destacou a satisfacción do goberno municipal polo resultado dunha operación que esixiu un importante traballo técnico e administrativo. Subliñou que a solución adoptada permitiu resolver a situación de Sogama e poñer en valor outras superficies municipais para a actividade empresarial.
A venda a Sogama súmase a outras dúas operacións de alleamento realizadas neste mandato no polígono Área 33. A empresa Coesco Deza (Culinaria) adquiriu unha parcela de 991 metros cadrados por 73.508,83 euros, e Fariña Maquinaria comprou unha parcela de 1.551,51 metros cadrados por 118.416,65 euros.
En conxunto, estas tres operacións representan 411.961,88 euros, IVE incluído. Estes ingresos constitúen novos recursos patrimoniais que permitirán ao Concello avanzar na execución do PXOM, na obtención de terreos para espazos públicos e na promoción de solo para vivenda e actividades empresariais.




