Os obradoiros de memoria promovidos polo Concello de Silleda, dentro do programa Voluntariado+65, comezaron con éxito en Escuadro e Cortegada. As sesións, impartidas pola mestra xubilada e voluntaria Consuelo Moreira, continuarán ata maio e chegarán tamén desde este luns a Cira e Lamela.
A actividade desenvólvese semanalmente. Os venres, as sesións terán lugar no Centro Social de Escuadro (17:00-18:00) e no Centro Social de Cortegada (18:30-19:30). A partir do luns 19 de outubro, incorpóranse Cira (17:00-18:00) e Lamela (18:30-19:30).
Estas sesións son totalmente gratuítas e abertas a toda a veciñanza interesada. Inclúen exercicios para traballar a memoria, a atención, a concentración, a linguaxe e o razoamento, ademais de fomentar a socialización e a participación comunitaria.
A concelleira de Medio Rural, Asunción García, agradeceu a implicación de Consuelo Moreira, nova voluntaria municipal, durante a estrea do curso en Escuadro.
O programa Voluntariado+65 busca fomentar a participación activa das persoas xubiladas, poñendo en valor os seus coñecementos e experiencia. Está ligado á Rede Silleda Dinamiza, que achega propostas sociais e formativas aos núcleos rurais.
“"Con Voluntariado+65 queremos abrir unha vía para todas aquelas persoas xubiladas que teñen experiencia, coñecementos e, sobre todo, ganas de seguir contribuíndo á súa comunidade. O inicio destes obradoiros demostra que existe interese tanto por participar como por"
O Concello prevé ampliar progresivamente o programa con novas propostas e a incorporación de máis persoas voluntarias.




